sábado, 30 de xaneiro de 2016

DESENVOLVEMENTO DA SEMANA DA PAZ


Desde o EntreLetras, coa colaboración do EDLG, desenvolvimos o Mes da Paz, cheo de actividades que nos levaron a afondar no sentido e significado de vivir en harmonía cos outros.


Podes ver todo o que fixemos neste enlace.


martes, 26 de xaneiro de 2016

ANUNCIO: Curso de TIC para as familias

Comprácenos comunicar que no próximo mes celebraremos o 

PRIMEIRO OBRADOIRO TIC PARA AS FAMILIAS

Trátase dunha sesión de formación a cargo dos alumnos de 6º sobre ferramentas de Google, a plataforma que máis utilizamos para colaborar e compartir o traballo neste centro.

O obradoiro impartirase o próximo día 15 de febreiro ás 15:15 na aula TIC do centro. Estades convidados a vos apuntar todos os pais interesados, sexan do curso que sexan. A inscrición farase a través da ANPA (anpaceipbecerrea@hotmail.com) que xestionará unha listaxe de interesados.

Para este primeiro curso estarán convocados 15 asistentes que deberán ter creada unha conta de correo de gmail, como único requisito previo.

Esperamos contar coa vosa participación, como é costume por parte vosa e motivo de agradecemento pola nosa. 

Esta tarefa complexa para o noso alumnado forma parte do prioritario obxectivo deste colexio: a formación integral do alumnado na resolución de situacións problemáticas.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Educación Responsable: Formación para o profesorado

O pasado luns 18 de xaneiro, o profesorado do programa Educación Responsable  recibiu a primeira sesión de formación sobre Educación Emocional e desenvolvemento social que se van recibir ao longo deste trimestre.

A sesión a cargo de Teresa Molezún, foi moi satisfactoria e motivadora e versou sobre contidos en referencia ao desenvolvemento social dos nenos, pero tamén o dos adultos que con eles convivimos. Houbo tamén un espazo de reflexión compartida sobre o desenvolvemento social das nosas relacións como mestres e a medida en que iso afecta ao día a día da escola.

Como mostra queremos deixarvos este vídeo, unha clara reflexión sobre o que os nenos ven e copian das nosas actitudes diarias:


martes, 12 de xaneiro de 2016

EDUCACIÓN RESPONSABLE: LEE en Educación Infantil.

Chega o segundo trimestre e con el a participación do alumnado de educación infantil no recurso LEE de Educación Responsable. Igual ca o pasado ano, os nenos terán un tratamento emocional para achegarse á lectura.

Dentro dese traballo, é destacable o papel da familia, que actúa como primeira mediadora entre o neno e os libros. 

Se queredes coñecer a proposta para as familias que a Fundación Botín publicou, podedes descargar o  


Para coñecer o desenvolvemento deste recurso, podedes acceder directamente desde este enlace, no que iremos publicando os resultados das nosas tarefas.

domingo, 10 de xaneiro de 2016

XANEIRO É O MES DA PAZ

O día 30 de xaneiro celébrase o Día da Paz. Para nós, educar en valores é un obxectivo que abrangue toda a vida, polo que un día só é un xeito de visualizar os traballos que procuramos facer sempre.

Para este ano, pensamos en xaneiro como o mes para celebrar o "Correo da Paz". Moitas son as novas que enchen xornais e diarios nos que encontrarnos coa necesidade de pensar en recibir e enviar desexos de paz.

Nese sentido, estudaremos a carta como tipo textual, pois será o noso xeito de desexar paz alén das portas da nosa escola. E moitas serán as tarefas que organicemos arredor das cartas e do Correo Postal.

Para dar un carácter social á nosa idea de traballo, pensamos en convidar a participar nela a todos os centros cos que compartimos algún proxecto de innovación educativa. Por iso, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, partiu un convite para todos eles, explicando as características didácticas desta iniciativa, que abrangue:

Estudo da carta como tipo de texto
Coñecemento do Correo Postal
Estudo xeográfico do desprazamento das cartas
Exposición e actividades de animación á lectura relativas a este tema
Actividades plásticas e de expresión emocional


Poderedes seguir neste blogue o desenvolvemento desta actividade.

xoves, 7 de xaneiro de 2016

UN PRIMEIRO TRIMESTRE DE CINE!

Jorge Álvarez, reportero oficial de 6º de primaria, creou este vídeo para resumir o primeiro trimestre. Védeo, é impresionante:

Parabéns polo traballo, Jorge!