Museo Etnográfico e da Historia de San Paio de Narla
A Fortaleza de San Paio de Narla foi adquirida pola Deputación Provincial de Lugo no ano 1939 e no ano 1983 convértea en museo histórico e etnográfico, trasladando a ela boa parte das coleccións etnográficas do Museo de Lugo.
Ten un corpo central flanqueado pola torre da Homenaxe e por un gran torreón. A planta baixa formada polo patio, as cortes e a adega, acolle unha colección de útiles de traballos agrícolas, diversos obxectos de equitación e ferramentas para o tecido da la e o liño. A planta primeira compóñense dunha cociña, un salón e outras estancias nas que podemos ver obxectos artísticos, mobiliario e enxoval doméstico. Desde a última planta, onde destaca unha cheminea renacentista, pódese acceder ao almenado e contemplar a contorna da fortaleza. A capela, do século XVIII, separada do edificio principal, ten planta cadrada con tellado a catro augas. Destaca no seu interior un retablo do século XIX.
Ningún comentario:
Publicar un comentario